Friday 10 de May de 2024

O Concello fai un chamamento ao cumprimento das normas dos cans para unha óptima convivencia


O Concello de Oleiros fai un chamamento ao civismo de todas as persoas propietarias de cans para que continúen gozando das súas mascotas nos espazos públicos respectando as normas e ordenanzas municipais. Para unha óptima convivencia en parques e paseos, os cans non poden ter máis dereitos que as persoas.

Oleiros dispón de centos de espazos públicos, parques e paseos nos que se pode pasear cos cans; e de miles de metros cadrados de bosques municipais nos que os cans poden estar sen correa. Debido ao incumprimento da normativa municipal, no mes de maio déronse tres mordeduras en parques públicos; dúas persoas maiores tiveron que ser atendidas polos servizos médicos e un neno tivo problemas no seu rostro.

Os parques públicos non son canódromos, nin áreas de adestramento canino, tal e como está a acontecer no parque das Trece Rosas, entre outros. Existen numerosos bosques municipais nos que si é posible realizar este tipo de actividades e soltar os animais. Igual que ao transitar por beirarrúas ou estradas a maioría dos cans adoitan ir atados, nas zonas verdes debería acontecer o mesmo.

Tamén resulta de obrigado cumprimento recoller as deposicións nos espazos públicos. Ningunha persoa ten dereito a degradar parques nin paseos ao deixar sen recoller os excrementos das mascotas.

En relación ás praias, durante a tempada de verán, a normativa europea impide o acceso dos cans aos areais. Durante o inverno si é posible a entrada de cans, tal e como realizan numerosos cidadáns de Oleiros e doutros concellos.

“Falan dun himno para chegar ao corazón do alcalde, pero eu non teño ningún tipo de animadversión aos cans. Na miña propia familia os meus fillos e unha das miñas irmás teñen can”, comentou o alcalde.